9 Vote down Vote up

Marcha contra ENCE 2008

Publicado en GZvideos, defesa do territorio, ecoloxismo on 25 Xun, 2008

Get the Flash Player to see the wordTube Media Player.

O pasado 14 de Xuño milleiros de persoas integraban un mais a clásica marcha contra ENCE organizada pola Apdr (Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra), desta vez denunciando as autorizacións ambientais que a Xunta de Galiza acaba de conceder ao complexo contaminante. Este video chega vía ADEGA.info. A seguir reproducimos o comunidado da Apdr que convocou esta marcha:

CONTRA AS AUTORIZACIÓNS, MOBILIZACIÓN!

A recente concesión pola Consellería de Medio Ambiente das Autorizacións Ambientais Integradas (AAI) a ENCE e ELNOSA, supón un freo ás aspiracións da cidadanía da bisbarra que quere ver a Ría libre do complexo antes do 2018 e deixa en evidencia ao goberno da Xunta de Galicia que, lonxe de acometer o acordo programático asinado entre BNG e PSOE para eliminar o complexo de  Lourizán, da un paso máis cara á súa consolidación, e ao Partido Popular, que aplaude efusivamente a decisión e -xa que logo‐ a permanencia do complexo na actual localización. Non é certo que a decisión veña obrigada por “imperativo legal”, como gosta de repetir o conselleiro Pachi Vázquez: nin ENCE nin ELNOSA cumpren os requisitos fixados pola Lei 16/2002 para a concesión da citada autorización ambiental.
1.‐ Tanto ENCE como ELNOSA incumpren o RAMINP (Reglamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas y Peligrosas)
2.‐ ENCE incumpre a autorización de vertido para DBO, DQO, Sólidos en Suspensión e Fósforo total.
3.‐ Téñense superado os prazos de tramitación das autorizacións, o que -de acordo coa Lei‐ implica a súa desestimación.
4.‐ Nin ENCE nin ELNOSA teñen conquerido o Informe de compatibilidade urbanística do Concello de Pontevedra, un requisito preceptivo e vinculante segundo a Lei.
E non é certo tampouco que nestes 3 anos a Xunta de Galicia vaia acometer o desmantelamento do complexo. Non existe vontade política de facelo, e o sometemento da Xunta aos intereses empresariais é cada día máis evidente. Se tiveran vontade de solucionar o problema terían dado pasos neste sentido ao longo dos 3 anos que levan no goberno galego, e nada teñen feito; só pomposas declaracións nas que por certo deixan sempre claro que ENCE pode quedar en Lourizán ata 2018. Sen comentarios!.

Desde a APDR esiximos o cese inmediato e definitivo da actividade de ENCE‐ELNOSA na nosa Ría polos problemas de contaminación, económicos e de calidade de vida e saúde que sigue a provocar, e a dimisión do Conselleiro de Medio Ambiente pola súa defensa do complexo e como responsable das consecuencias que para todos e todas nós se puideran derivar da presenza de ENCE‐ELNOSA na actual localización. Convén non esquecer o recente accidente dunha planta de cloro‐sosa na localidade barcelonesa de Gualba, un accidente que se pode producir en Lourizán en calquera momento. Fronte á ilegalidade, fronte á irracionalidade e o engano, só cabe a mobilización social.

Consulta aquí a listaxe de adesións.

TAGS: , , ,

Entradas relacionadas


Chúzame! Trackback URI | Comentarios RSS

Deixa un comentario