Gzvideos xorde da confluencia de video-activistas que viñamos realizando audiovisuais das actividades dos movimentos e colectivos sociais galegos e difundíndoos na rede meiante plataformas como blip.tv, reapropiándonos por tanto da tecnoloxía que nos brinda o propio sistema para a edición creativa e difusión de contrainformación.
Primeiramente, crimos necesária a creación dunha plataforma propia na web que aglutinase a nosa produción, unha canle contra a censura meiática. O proxecto foi crecendo até que decidimos dar cabida a materiais cun denominador común , a loita por un outro sistema, o compromiso coa difusión das actividades dos movimentos e colectivos galegos que son silenciadas polos mass-meia , a defensa do idioma e cultura da Galiza e a concepción dunha cultura verdadeiramente libre e en chave popular, fóra da lóxica mercantil, a denuncia da represión e da explotación capitalista, así como a oposición ao modelo patriarcal. Tamén na defensa dunha concepción diferente da propiedade intelectual , nomeadamente as licenzas libres ou copyleft, coa consecuente oposición ás licenzas privativas e no uso na medida do posíbel de ferramentas de software libre.
Neste sentido tentamos recompilar na rede o mais destacado das mobilizacións e actividade crítica e vindicativa na Galiza post-Prestige, clasificados por categorías e sempre tentando ofrecer ligazóns relacionadas para que os visitantes acrescenten a información sobre cada audiovisual en cuestión.
Por tanto, rematamos por concebir unha plataforma contra-informativa que acolle materiais que non teñen cabida nos meios empresariais do sistema, e temos claro que un proxecto destas características precisa da implicación dunha comunidade de video-activistas maior da que representamos os que actualmente estamos involucrados en Gzvideos.
Neste sentido, habilitamos un formulario para envío de materiais co obxectivo de recoller actividades de colectivos, centros sociais, protestos, palestras… Aínda así, cómpre dicer que Gzvideos non é unha plataforma para aglutinar a propaganda ou proselitismo de calquera colectivo, se non que intenta dar cabida a novas audiovisuais que son silenciadas polos medios de comunicación corporativos que sirven intereses empresariais.
Así pois e por poñer algúns exemplos, poderedes atopar en portada o vídeo da última mobilización de Galiza Non se Vende en Vigo ou a da Apdr contra ENCE en Pontevedra, así como audiovisuais ben interesantes como os que recollen as folgas da construción en Vigo, a okupación do Atocha Alta na Corunha, as Xornadas Independentistas Galegas adicadas este ano ao socialismo do século XXI, o audiovisual de animación “Vilinguismo”, videos de solidariedade con Carlos Cela, a manifestación de Causa Galiza, A Reconquista de Toralla…
Fóra da sección principal de Gzvideos habilitamos outras 2, Internacional e Kinoki, a primeira delas adicada a recoller audiovisuais procedentes doutros países , seguindo a tónica dos conteúdos da portada. Nela poderedes atopar documentarios, denuncias de represión policial, crónica dos movementos noutras partes do mundo e das loitas sociais e anti-sistémicas. Kinoki, “espazo creativo” é a segunda sección en importancia ao noso entender de Gzvideos, e aglutina a produción creativa, curtametraxes , animación e contra-publicidade que vaiamos recompilando e nos vaian enviando.
En resumo, Gzvideos pretende constituir unha comunidade de creación audiovisual alternativa onde conflúan as aportacións creativas d@s video-activistas e video-creadoras galegas e para iso é necesario que se involucre no envío de materiais o maior número posíbel de persoas. Gustaríanos facer un chamamento aos centros sociais , espazos onde nos últimos tempos se ten aglutinado a actividade dos movimentos e colectivos galegos para que graven e envíen videos e gravacións de audio de palestras, concertos, obradoiros, concentracións, conferencias e o que estimen relevante para a plataforma.
GZVIDEOS, “Apaga a tv, prende a túa mente!”.








































