Por cousas alleas á nosa vontade (basicamente o jet lag ou transtorno horario polo desprazamento á meseta), traemos aqui unha pequena crónica da nosa viaxe a Madrid e a participación nas Xornadas Antifascistas de Madrid hai xa máis dunha semana, glups!
Unha pequena delegación de Gzvideos viaxou até Madrid para participar dun videoforum o sábado 31 de outubro, organizada pola Coordinadora Antifascista de Madrid e convidadas por La-Plataforma, proxecto de contrainformación audiovisual.
No videoforum, que formaba parte das Xornadas Antifascistas da Coordenadora Antifascista de Madrid, baixo o título “Criminalización dos movementos sociais. Contrainformación audiovisual”, proxectouse o documentario de La Plataforma “Alarma social, como se crea? (que podedes ver aquí). Nós desde Galiza levamos un resumo do noso traballo do último ano, unha escolma de vinte minutos, que tamén colgamos na web.
Diante dun auditorio moi variado, e nunha sala ben xeitosa do Centro Social La Traba, tivo lugar a proxección da nosa peza, e despois fixemos unha pequena introdución, na que dimos a coñecer o proxecto de Gzvideos, relatamos como saía á luz a web en maio de 2008 e o traballo previo que existía no videoactivismo no noso país e na actualidade.
Dalgún xeito dabamos a coñecer no centro do pequeno imperio o manifesto fundacional de Gzvideos e a nosa particular visión da contrainformación audiovisual, do fomento do uso de licenzas libres e da necesidade de visibilizar aquelas voces que desde Galiza cuestionan o poder dominante e fomentan a criación de pensamento crítico desde os máis diversos ámbitos.
Despois viría a presentación do traballo de La Plataforma e a proxección do seu documentario, e xa logo un interesante e variado debate no que a cuestión da criminalización e como rachar barreiras para a difusión do material que editamos os colectivos de contrainformación audiovisual, para que non sexan só pezas para autoconsumo das propias activistas que a protagonizan, foron outros dos temas tratados e a posta en común das distintas realidades que unhas e outras videoactivistas vivimos nos nosos respectivos territorios.
O mellor da viaxe foi, máis alá da boa acollida no videoforum, coñecer ás compañeiras de La Plataforma, que nos agasallaron con atención, intercambio de experiencias, ensinaronnos o Centro Social La Traba, foron as nosas guias en paseos por Malasaña e Lavapiés, e sobre todo deronnos ánimos e moitas ideas pola súa experiencia, con videocrónicas na rede desde comezos do 2006, e os seus traballos editados en dvd.
Obrigadísimas ás compañeiras de La-Plataforma e á próxima convidamos nós!
Nota extras: Xa informaremos de próximas convocatorias, mais adiantamos que o sábado 21 de novembro participaremos no Auditorio de Galiza en Compostela no Mufest (festival de cine feito por mulleres), organizado pola revista de pensamento feminista Andaina, no que proxectaremos unha peza realizada para esta data co título “Mulleres, xénero, sexualidades e outros relatos subalternos”.









































