GzVideos, video-activismo para a transformación social
GzVídeos (Galiza Vídeos) é unha plataforma independente de comunicación popular que difunde contidos audiovisuais xerados por e para as organizacións populares, movementos sociais, colectivos, asociacións e iniciativas, sempre que resposten aos intereses , revindicacións e expresións creativo-culturais do pobo traballador galego, en particular a súa loita polo dereito democrático á libre determinación.
Defendemos un concepto de comunicación popular ligada a programas amplos de organización e acción política, social, sindical e cultural, procurando combater a distorsión e silenciamento que os medios de masas perpetran a diario a respeito das loitas e iniciativas que colisionan cos intereses do capital.Pretendemos afortalar a acción colectiva fronte a uns medios que antepoñen os intereses dos monopolios empresariais, lexitiman as desigualdades e implantan a cultura do consumo, do egoísmo, da farándula, da banalización e da mentira, e que practican o imperialismo cultural.
GzVídeos conta con produción propia, mais non pretende converterse en emisora uni-direccional, se non que o seu obxectivo é concienciar e capacitar movementos e organizacións populares para se converteren elas propias en xeradoras de mensaxes e que medre a súa capacidade comunicativa.
GzVideos cumpre así un papel de plataforma difusora, organizadora, facilitadora e capacitadora de comunicación audiovisual popular, como instrumento dos procesos organizativos populares. Os nosos obxectivos son:
- Democratizar o acceso á información
- Fomentar o video-activismo e a comunicación audiovisual popular
- Defender a comunicación como espazo de participación plena dos suxeitos sociais
- Incrementar a capacidade real de participación política
- Xerar contra-hexemonía a nivel ideolóxico, así como unha actitude crítica fronte a uns medios de masas ao servizo do capital que conforman e reproducen a ideoloxía dominante
- Ligar as loitas inmediatas ou conxunturais con procesos de mudanza radical do sistema
- Por en causa a propiedade intelectual mediante o uso e difusión do copyleft e licenzas libres
- Facilitar o diálogo entre diversas experiencias militantes a partir do coñecemento mutuo
- Chegar a alianzas con outros proxectos de comunicación e prensa alternativa que actúen tanto no noso país como a nível internacional, tecendo redes de comunicación popular.
A nivel ideolóxico:
- Posicionamento de clase en favor dos traballadores e traballadoras
- Defensa de Galiza como nación, así como da súa cultura e língua propias.
- Defesa do dereito de libre determinación e da construción do poder popular
- Difusión dos valores solidarios do internacionalismo e do antiimperialismo
- Afirmación das identidades oprimidas e subalternas no capitalismo (clase, xénero, nacionalidade) e protagonismo dos sectores e grupos sociais interesados en por en causa o statu quo
Que podes atopar en GzVideos?
- 1.000 videos agrupados nas categorías: “Clase traballadora«, «movementos sociais«, «soberanismo galego«, «divulgación e língua«, «internacionalismo«, «arquivo histórico«. (en constante actualización)
- GalizaTV. Reprodución contínua a pantalla completa dos mellores materiais audiovisuais
- WIKI. Sección en proceso constante de anovamento que conterá materiais formativos na teoría e práctica do video-activismo popular, historia do cinema e uso da plataforma
- Sección ENVÍA, onde podes achegar materiais para a súa publicación en GzVideos, sempre que se axusten aos criterios editoriais que acabamos de expor
- Blog. Artigos e destaques que realizará a equipa editora.
Pero isto non é todo. GzVídeos pretende ser unha iniciativa dinámica, que conte desde o primeiro día coas aportacións de todos e todas vós para lograr os seus obxectivos, establecendo un diálogo permanente non só coas organizacións e movementos, se non tamén cos seus militantes, para que adquiran conciencia da necesidade e potencialidades do video-activismo e da comunicación audiovisual popular, como parte dun proceso máis amplo de tranformación social dirixido a conquistarmos o poder popular.
Nese proceso, a educación e a comunicación forman xunto coa organización os alicerces que xerarán a contra-hexemonía precisa para invalidar o capitalismo e lograrmos a soberanía.
GzVideos. Trasmitindo poder popular.
Apaga a TV, prende a túa mente!
Podes contactar con nós no correo info[arroba]gzvideos.info






























