Catastroika (documental)

O novo documental do equipo responsábel de Dividocracia chámase Castastroika e fai un relato arrepiante sobre o impacto da privatización masiva de bens públicos e da ideoloxía neoliberal que está por detrás. Catastroika denuncia exemplos concretos na Rusia, Chile, Inglaterra, Francia, Estados Unidos e, obviamente, na Grecia, en sectores como os transportes, a auga ou a enerxía. Producido a través de contribucións do público, conta co testemuño de nomes como Slavoj Zizek, Naomi Klein, Luis Sepúlveda, Ken Loach, Dean Baker e Aditya Chakrabortyy.

De forma deliberada e cunha motivación ideolóxica clara, os gobernos daqueles países estrangulan ou estrangularon servizos públicos fundamentais, elixindo os funcionarios públicos como chivos expiatórios, para presentaren, axiña, a privatización como solución obvia e inevitábel. Sacrifícase a calidade, a seguranza e a sostibilidade, provocando, invariabelmente, un deterioramento xeneralizado da calidade de vida dos cidadáns.

As consecuencias máis devastadoras rexístranse nos países obrigados, por acredores e institucións internacionais (como a Troika), a proceder a privatizacións masivas, como contrapartida dos planos de «rescate». Catastroika evidencia, por exemplo, que o endividamento consiste nunha estratexia para suspender a democracia e aplicar medidas que nunca ningún réxime democrático ousou sequera propor antes de seren examinadas nas ditaduras do Chile e da Turquía. O obxectivo é a transferencia para mans privadas da riqueza xerada, ao longo dos tempos, polos cidadáns. Nada disto sería posíbel, nun país democrático, sen a implementación de medidas de austeridade que deixen a economía refén dos mecanismos da especulación e da chantaxe o que implica, como se está a ver na Grecia, o total aniquilamento das estruturas básicas da sociedade, nomeadamente as que garanten a sostibilidade, a cohesión social e niveis de vida dignos.
Se a Grecia é o mellor exemplo da relación entre a dividocracia e a catastroika, ela é tamén, estes días, a proba de que as persoas non abdicaron da responsabilidade de esixir un futuro. Aquí e alí, é importante saber o que está en xogo , e Catastroika rompe co discurso hexemónico omnipresente nos medios convencionais, tornando ben claro que o desafío que temos por diante é optar entre a loita ou a barbárie.