This text will be replaced

GzVideos, video-activismo para a transformación social

GzVídeos (Galiza Vídeos) é unha plataforma independente de comunicación popular que difunde contidos audiovisuais xerados por e para as organizacións populares, movementos sociais, colectivos, asociacións e iniciativas sempre que resposten aos intereses e revindicacións do pobo traballador galego, en particular a súa loita polo dereito democrático á libre determinación.

Defendemos un concepto de comunicación popular ligada a programas amplos de organización e acción política, social e sindical, procurando combater a distorsión e silenciamento que os medios de masas perpetran a diario a respeito das loitas e iniciativas que colisionan cos intereses do capital.

Pretendemos afortalar a acción colectiva fronte a uns medios que antepoñen os intereses dos monopolios empresariais, lexitiman as desigualdades e implantan a cultura do consumo, do egoísmo, da farándula, da banalización e da mentira, e que practican o imperialismo cultural.

GzVídeos conta con produción propia, mais non pretende converterse en emisora uni-direccional, se non que o seu obxectivo é concienciar e capacitar movementos e organizacións populares para se converteren eles proprios en xeradores de mensaxes e que medre a súa capacidade comunicativa.

GzVideos cumpre así un papel de plataforma difusora, organizadora, facilitadora e capacitadora de comunicación audiovisual popular, como instrumento dos procesos organizativos populares.

Os nosos obxectivos son:

  • Democratizar o acceso á información
  • Fomentar o video-activismo e a comunicación audiovisual popular
  • Defender a comunicación como espazo de participación plena dos suxeitos sociais
  • Incrementar a capacidade real de participación política
  • Xerar contra-hexemonía a nivel ideolóxico, así como unha actitude crítica fronte a uns medios de masas ao servizo do capital que conforman e reproducen a súa ideoloxía
  • Ligar as loitas inmediatas ou conxunturais con procesos de mudanza radical do sistema
  • Por en causa a propiedade intelectual mediante o uso e difusión do copyleft e licenzas libres
  • Facilitar o diálogo entre diversas experiencias militantes a partir do coñecemento mutuo
  • Chegar a alianzas con outros proxectos de comunicación e prensa alternativa que actúen tanto no noso país como a nível internacional, tecendo redes de comunicación popular.

A nivel ideolóxico:

  • Posicionamento de clase en favor dos traballadores e traballadoras
  • Defensa de Galiza como nación, así como da súa cultura e língua propias.
  • Defesa do dereito de libre determinación e da construción do poder popular
  • Difusión dos valores solidarios do internacionalismo e do antiimperialismo
  • Afirmación das identidades oprimidas e subalternas no capitalismo (clase, xénero, nacionalidade) e protagonismo dos sectores e grupos sociais interesados en por en causa o statu quo

Que podes atopar en GzVideos?

Pero isto non é todo. GzVídeos pretende ser unha iniciativa dinámica, que conte desde o primeiro día coas aportacións de todos e todas vós para lograr os seus obxectivos, establecendo un diálogo permanente non só coas organizacións e movementos, se non tamén cos seus militantes, para que adquiran conciencia da necesidade e potencialidades do video-activismo e da comunicación audiovisual popular, como parte dun proceso máis amplo de tranformación social dirixido a conquistarmos o poder popular.

Nese proceso, a educación e a comunicación forman xunto coa organización os alicerces que xerarán a contra-hexemonía precisa para invalidar o capitalismo e lograrmos a soberanía.

GzVideos. Trasmitindo poder popular.

Apaga a TV, prende a túa mente!

Podes contactar con nós no correo info[arroba]gzvideos.info