Homenaxe de Galiza Nova a Rosalía e Castelao en Bonaval

Recollendo a tradición iniciada coas Arengas da Mocidade, un ano máis desde Galiza Nova organizamos a Homenaxe a Rosalía de Castro e A. Daniel Rodríguez Castelao. O acto terá lugar o sábado 24 de xullo, a partir das 17:30 horas no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval. Neste ano 2010 cobra especial importancia ao cumprirse o 125 aniversario da morte da nosa poeta nacional, Rosalía de Castro.
Acompáñanos neste acto no que recordaremos a Rosalía e a Castelao a través da lectura de diferentes fragmentos das súas obras, coa colaboración de María do Pilar García Negro, Guillerme Ignacio Costa, Comba Campoy, Uxío Novo Rei e Federico Pérez. Así mesmo, contaremos tamén coa actuación musical do Coro da Asociación musical Solfa, de Santiago de Compostela, e coas intervencións de Guillerme Vázquez, Voceiro nacional do BNG, e de Iria Aboi, Secretaria Xeral de Galiza Nova. Para rematar cantaremos o noso himno nacional co acompañamento de Iván Area á gaita.